Thursday 28 de March de 2024

A historia de Malpica, a súa xente e o seu mar reúnense na exposición ‘Parte de Nós’


• Trátase dunha iniciativa que parte principalmente dun veciño, Monchiño, que colleitou aparellos e obxectos que se utilizaban no século pasado para o traballo diario.

• A mostra estará dispoñible durante todo o verán nas instalacións do mercado municipal.

Retratar as penurias, o esforzo e o traballo duro co que saíu adiante Malpica e a súa xente durante o século pasado. Ese é obxectivo que persegue a exposición ‘Parte de Nós’ e un dos seus principais impulsores, Monchiño.

Neste sentido, o Concello puxo á súa disposición as instalacións do mercado municipal, que acollerán a mostra durante todo o verán. Entre os obxectos que tanto veciñanza como visitantes poden atopar encóntranse redes de diferentes clases, trampas para pescar, compases e outros aparellos que se empregaban tradicionalmente no oficio.

Monchiño foi a persoa encargada de percorrer e reunir a meirande parte da colección. “Fun xuntando todas estas cousas no tempo que tiña libre cando non ía ó mar, pero isto non remata aquí nin moito menos”, relatou.

Coa axuda de varias persoas foron limpando e distribuíndo os obxectos polas estancias. O seguinte paso, segundo contou, pasa por catalogar cada un deles coas súas características e o uso que se lles daba antigamente.

“É historia viva. Cada unha destas pezas foi partícipe de como Malpica chegou ata o día de hoxe, a través de moito esforzo e, por desgraza, de moita miseria”, explicou Monchiño.

É por iso que a exposición continuará a medrar. “Seguiremos incrementando na medida do posible a colección. Gustaríanos que a xente se animara a colaborar e poder así, entre todos, construír un relato moi amplo e completo sobre a nosa xente”, concluíu.